PUNTO DE INFORMACIÓN CATASTRAL (PIC) DO CONCELLO DE CAMARIÑAS

O Concello de Camariñas, en colaboración coa Dirección Xeral do Catastro, ofrece un novo servizo aos seus cidadáns. Trátase do Punto de Información Catastral. Isto supón que no propio Concello poderanse obter certificacións e consultas sobre datos catastrais non só literais ou alfanuméricas, senón tamén cartográficas, evitando así, desprazamentos ás instalacións da propia Dirección Xeral, e facilitando o acceso ás persoas que non dispoñen de medios telemáticos que lles permitan a consulta a través da Oficina Virtual do Catastro.

Requisitos para a obtención de datos:

Para o acceso a esta información, os titulares catastrais, ou os seus representantes legais, deberán presentar a solicitude de información no modelo que se lles facilitará no Punto de Información Catastral na que se fará constar a identidade do solicitante e a información requirida, sendo imprescindible a consignación do número de identificación fiscal do titular catastral, así como o orixinal e fotocopia de devandito documento.

A solicitude conterá ademais a correspondente autorización á entidade xestora do servizo para acceder aos seus datos desde o Punto de Información Catastral. Xunto á solicitude debe presentarse a documentación acreditativa da representación ou autorización con que se actúe, cuxa validez e eficacia será constatada polo responsable do servizo na propia solicitude.


Se é o titular catastral, ou representante legal do titular, deberá presentar:

  • Solicitude do titular catastral, segundo modelo oficial.
  • N.I.F. (orixinal e copia do titular, e, no seu caso, da persoa autorizada).
  • No suposto de actuación como representante, acompañarase autorización segundo modelo oficial, cuxa validez será de DEZ DÍAS desde a data da súa expedición.

Validez e eficacia da documentación (certificado electrónico) emitido polo Punto de Información Catastral.


Os documentos xerados polo Punto de Información Catastral conterán a data da súa expedición e un código electrónico que permita a comprobación da súa integridade e autenticidade, e gozarán de plena validez e eficacia de conformidade co establecido polo artigo 96 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeneral Tributaria, e polo artigo 41 do texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario.