Obter Adobe Flash player
Precísase ter javascript activado e Adobe Flash Player instalado, para visualizar correctamente esta páxina.

Historia


O topónimo de Camariñas deriva dun arbusto autóctono chamado "caramiña" (córema álbum) ou "herba da fame". Este arbusto, de ata un metro de altura e de moita póla, posúe cativas flores femininas de tres pétalos. As masculinas non teñen pétalo ningún. O froito da caramiña, unha drupa branca-rosada de ata 1cm e de sabor agridoce, aparece en agosto. A caramiña está en perigo de extinción e no Areal de Trece atópase a maior reserva de Galicia.

Os restos dos castros de Mourín e Monte Croado, a Mámoa de Reira e o Foxo dos Lobos son testemuñas das primeiras civilizacións megalíticas da zona.

Como referentes da Idade Media consérvanse a igrexa de Sta. María de Xaviña e o campanario de Ponte do Porto e durante o s.XVIII construíronse diversas igrexas.

En canto a arquitectura civil, destacan os pazos e casas solainas de Paxariña ou Dor e de Mouzo e os restos do Castelo do Soberano.

A ría de Camariñas foi un escenario sanguento durante a invasión francesa (1809), na que o invasor saqueou as facendas e asasinou a boa parte da poboación.

A finais do s.XIX a historia de Camariñas está marcada pola emigración con destino a América e, a partir dos anos 60, a países europeos.

Nos últimos anos, o turismo e a artesanía do encaixe de bolillos está adquirindo cada vez maior importancia, contribuíndo notablemente ó incremento de visitantes.